Páxinas

martes, 5 de agosto de 2014

Galletas de chocolate e vainilla


Adoro facer estas galletas, cando quero facer galletas para regalar sempre tiro desta receita, son sinxelas e vistosas, sempre chaman a atención, aínda por riba están moi boas!

Ingredientes:


  • 2 Ovos medianos
  • 200 gramos de manteiga (a temperatura ambiente)
  • 180 gramos de azucre glas
  • 500 gramos de fariña
  • 3 culleradas de cacao puro en po
  • 1 culleriña de esencia de vainilla
  • 1 culleriña de leite (se vemos que a masa se nos seca moito)

Preparación:

 Cos ingredientes que poño arriba, faremos dúas masas diferentes.

Para a masa de vainilla (1 ovo, 100 gr de azucre glas, 250 de fariña, 1 culleriña de esencia)
1- Mesturamos ben o azucre coa manteiga.
2- Engadimos a metade da fariña, mesturamos ate que se integre.
3- Engadimos o ovo e a esencia de vainilla (sempre vos digo que estas esencias se poden substituír por outras das que gostades máis, por exemplo co chocolate pode quedar moi ben unha esencia de améndoas ou de laranxa), mesturamos ben e engadimos o resto da fariña. Mesturamos ate que quede uniforme. 
4- Facemos unha bola, envolvémola con papel film e deixámola na neveira media hora.



Para a masa de chocolate: (1 ovo, 100 gr de azucre glas, 250 de fariña, 3 culleradas de cacao puro en po)
Mesturamos o cacao coa fariña. Seguemos os mesmos pasos que para a masa anterior, igual, metémola media hora na neveira: 
Despois da media hora de repouso na neveira a masa xa está lista para poder darlle forma. Para este tipo de galletas teño un rolete que leva uns discos laterais intercambiables para poder poñelo a diferentes alturas, deste xeito consegues galletas rectiñas. Hai unha solución sinxela (e barata) para non ter que mercar este tipo de rolete no caso de non telo: con dúas planchiñas de madeira unha a cada lado da masa e pasamos o rolete por riba.
- Poñemos a masa enriba dunha superficie non adherente (un manteliño de silicona ou papel de forno), cubrimos con outro papel de forno por riba (isto axudaranos a pasar o rolete sen ter que engadirlle fariña) e estiramos procurando que quede en forma rectangular.
- O mesmo coa masa de cacao, procuramos que queden máis ou menos do mesmo tamaño.
- Agora con moooito coidado, colocamos unha masa sobre a outra, recortamos se sobra moito, axustamos un pouco e aquí comeza o divertido... a enrolar! imos enrolando a modo e premendo un pouco para que non nos queden buracos na masa.
- Cando estea enrolado de todo envolvémolo con film e deixámolo repousar na neveira a lo menos 3/4 de hora, mellor un pouco máis (ate o podedes deixar pasar a noite), isto é para que se poña a masa dura e sexa máis fácil de cortar.
- Pasado o tempo de repouso poñemos o forno a 180º. Colocamos papel de forno nunha bandexa.
- Sacamos o rolo de masa da neveira e cortamos rodas de aproximadamente 1 cm. e colocámolas na bandexa de forno un pouco separadas unhas das outras.
- Meter no forno 12 minutos ou ate que vexamos que comezan a dourarse polos bordes. Sacar e poñer en unha grella ate que arrefríen.

Unha vez frías podemos gardalas tapadas nunha lata para galletas ou outro tipo de caixa apta para uso alimentario. Estas como eran para regalar gardeinas en bolsas con un laciño, fan un bon e saboroso detalle!

2 comentarios:

  1. Olaa! Compráceme avistarte de que nominamos o teu blogue aos Black Wolf Blogger Award. Na nosa páxina tes as instrucións para aceptar a nominación!
    Un saúdo e noraboa!!

    ResponderEliminar
  2. Miña madriña! levo un tempo un pouco desconectada e ahora é que vexo a mensaxe... :)
    Botolle un ollo en canto poida!

    ResponderEliminar