Páxinas

xoves, 22 de outubro de 2015

Madalenas de nata




Cando era pequena recordo de sempre na casa da miña avoa, unhas madalenas (da tenda) que levaban o papel en cor preta e que eran das que máis gostabamos todos os curmáns, despois non sei se as deixaron de fabricar ou que pasou, o caso é que lles perdemos a pista. Despois de moitos anos e de probar moitas receitas de madalenas, atopei esta e podo dicir que saben igual. Son propias para o almorzo, van de marabilla co leite con cacao ❤

Ingredientes:

  • 350 gr de fariña de trigo
  • 250 gr de azucre
  • 250 gr de aceite de oliva
  • 100 gr de nata (tona)
  • 1 sobre de fermento en po (16 gr)
  • 4 ovos
  • A pel de un limón relada

Preparación:

- Batemos os ovos xunto co azucre ata que aumenten o volume.
- Engadimos a nata e batemos outro pouco ata que integre.
- Engadimos a pel relada de limón e o aceite, bater.
- Pouco a pouco imos engadindo a fariña xunto co fermento.


- Imos preaquecendo o forno a 200º (calor arriba e abaixo) mentres preparamos os moldes.
- Colocamos os papeliños de madalena no molde (se non tedes molde podedes poñer os papeliños en  moldes de flan).
- Poñemos un pouco de masa en cada papeliño (acordádevos do truco da culler de xeado que vos expliquei nas madalenas de iogur) e metemos no forno 20 minutos. Eu non o poño, pero se vos gustan ca capiña de azucre que levan as veces por riba, o momento de poñerllo é xusto antes de metelas no forno.


Estas madalenas consérvanse ben uns días, se as gardades nunha caixa de lata e mesmo nunha bolsa das tipo "zip"


Ningún comentario:

Publicar un comentario