Páxinas

luns, 31 de agosto de 2015

Pizza caseira

PIZZA, PIZZA, PIZZAAA!
Para a volta ó blogue quería facer algo especial, así que vai unha receita que inclúe tres (a masa da pizza, a pizza e o tomate para pizza).

Levo xa tempo probando diferentes receitas para a masa, algunha foi quedando descartada, outras foron triunfando máis. Vai uns meses estiven mirando por como conseguir unha masa de pizza que quedara crocante por fora pero con algo de miga por dentro, despois dalgunhas probas a que vos traio hoxe converteuse na nosa favorita e no prato oficial dos venres á noite. Aí vai a receita:

Masa para pizza

 Ingredientes:

  • 200 gr. de fariña de forza
  • 200 gr. de fariña de todo uso
  • 50 gr. de fariña de millo precocida (importante que sexa da precocida) + un pouco máis para amasar
  • 15 gr. de fermento fresco
  • 250 ml de auga morna
  • 50 ml de aceite de oliva
  • 1 culleradiña rasa de sal
  • un chisco de azucre

 Preparación da masa: 

- Desfacermos cos dedos o fermento e botámolo na auga morna, xunto cun chisco de azucre e unha cullerada de fariña de forza (sacámola dos 200 gr. que xa temos medidos para a pizza), remexemos un pouco e deixamos que levede máis ou menos 15 minutos.


- Poñemos no bol da amasadora o resto da fariña de forza, a fariña de todo uso, a de millo e o sal, movemos un pouco para mesturalo.

- Engadimos a auga co fermento, mesturamos ate que estea integrado e entón engadimos o aceite e mesturamos outra vez. (Se a facedes a man, poñedes as fariñas nunha superficie ben limpa e facedes un burato no medio no que poremos os líquidos e amasamos)

- Amasamos ben e facemos unha bola coa masa.
- Deixamos a bola de masa fermentar unha hora ou ate que dobre o tamaño, envolta nun trapiño (mellor 100% algodón). Unha vez levedada a masa podemos utilizala xa ou conxelala, eu divido a masa en dúas bolas, unha para preparar a pizza no momento e outra vai a conxelar para outro día.

- Nunha superficie ben limpa e seca esparexemos fariña de millo e colocamos a bola de masa enriba, estiramos, e damos forma redonda (ou cadrada se vos vai mellor)



-Cando teña a forma e anchura que desexamos, colocámola nunha bandexa de forno forrada con papel de forno, deixamos que levede outros 15 minutiños. Acendemos xa o forno a 200º (calor arriba e abaixo) para que estea a boa temperatura cando precisemos meter a pizza.
- Pasados os 15 minutos de levedado poñemos os ingredientes por riba e metemos no forno 20 minutos.

 Tomate para pizza caseiro:

Ingredientes:

  • 4 culleradas ben cheas de tomate natural triturado
  • Unha culleradiña de alfábega
  • Unha culleradiña de ourego.
  • Un chisco de pementa negra moída
  • Un chisco de sal
Poñer todos os ingredientes xuntos un prato fondo ou bol, mesturar cunha culler e deixar repousar 30 minutos mínimo.

 

Pizza especial da casa: 

Xa sabedes que a pizza admite mil formas e ingredientes, aquí vos deixo a nosa elaboración preferida ->
Ingredientes:
  • 1 bola de masa para pizza
  • Tomate para pizza caseiro
  • Chourizo de Pamplona
  • Xamón cocido
  • Queixo mozarella relado
  • Olivas negras
  • Champiñóns
- Doulle forma a bola de masa.
- Póñolle unha capa de tomate para pizza caseiro
- Por riba queixo mozarella relado
- Despois xamón cocido cortado e chourizo de Pamplona (as veces cámbioo por pepperoni)
- Por último champiñóns cortados e olivas negras.

- 20 minutos de forno a 200º, sacar, cortar e a comer!


Ningún comentario:

Publicar un comentario